Thursday 19 de September de 2024

Dentro da iniciativa “Coñece o teu contorno próximo”


27 nenos do CEIP de Artes visitan a Casa do Concello e o Centro Cultural Lustres Rivas

Un total de 27 nenos e nenas do colexio de Artes visitaron a Casa Consistorial e o Centro Cultural Lustres Rivas dentro da iniciativa municipal “Coñece o teu contorno próximo” que, promovida pola Concellería de Educación e o Servizo Municipal de Normalización Lingüística de Riveira, ten como fin familiarizar aos máis pequenos co día a día da administración máis próxima aos cidadáns.

Os cativos tiveron oportunidade de coñecer distintas dependencias do Consistorio como a nova Oficina Atención Cidadá ou departamentos como o de Urbanismo e Novas Tecnoloxías. Ademais, foron recibidos no salón de plenos polo segundo tenente de alcalde, Emilio Pérez, quen se someteu as moitas preguntas formuladas polos nenos sobre o funcionamento do Concello. Alí recibiron tamén unhas lambetadas.

A continuación os alumnos acudiron ao Centro Cultural Lustres Rivas para visitar tanto a Biblioteca Local como a exposición “Eu sei quen son” dedicada a Cervantes que alí se está a albergar ata o 23 de decembro.

En todo o momento estiveron acompañados dos seus profesores e da responsable de Normalización Lingüística, Alicia Padín.